Friday 29 de March de 2024

Moeche organiza un campamento de Nadal para a rapazada


O Concello de Moeche volve organizar un campamento lúdico de Nadal dirixido á rapazada de entre 4 e 12 anos, como proposta a medio camiño entre o lecer e a conciliación familiar durante as vacacións escolares. A actividade desenvolverase de 10 a 14:00h os días 27, 28 e 29 de decembro no Pavillón Polideportivo Municipal. As inscricións poden facerse até este venres 23 de decembro nas oficinas municipais, ou ben até o domingo 25 se se solicita a través da Sede Electrónica.

Durante esas tres mañás, os nenos e nenas terán xogos cooperativos, múltiples deportes, patinaxe e todo o imaxinable para que se divirtan aprendendo e compartindo. Ademais tamén recibirán a visita de varias entidades deportivas da zona, quen lles explicarán cales son as disciplinas que practican.

As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición dándolle prioridade á rapazada empadroada en Moeche. O prezo do programa son 20€ por nena/o (incluído seguro, monitorado e merenda de media mañá), aínda que tamén se aplicarán os descontos reflectidos na ordenanza cando acudan dous ou máis irmáns/ás.

O prazo para anotarse remata o 23 de decembro se se achega a solicitude presencialmente na Casa do Concello -de luns a venres de 8:30 a 15:00h- ou ben ata o 25 de decembro ás 23.59 h se se fai a través da Sede Electrónica municipal. Hai máis información no Departamento de Deportes, chamando ao 981 404 006 ou enviando un correo a daniel.feijoo@moeche.gal.